Voltando ós tempos da miña
infancia, e camiñando polos recordos das
costumes do meu entorno detívenme na matanza.
A matanza nas casas, e
nunha economía de subsistencia como era aquela, era de vital importancia por
ser a principal fonte fornecedora de carne para todo o ano.
Como tal, era un traballo
que ocupaba dous ou tres días, pero á hora da verdade levábase preparando o
longo de todo o ano.
Poderiamos dicir que
comezaba coa crianza dos porcos.
Habitualmente nunha casa
sempre había unha ou dúas porcas parideiras para a crianza dos ranchos. Estes
tiñan dúas saídas: a primeira era a venta e a segunda
era a crianza e engorde para a mata.
As porcas estaban en
pequenos cortellos con bacías de pedra, que era onde comían e bebían. A alimentación,
antes da chegada dos pensos, era a base de produtos de temporada: patacas,
mazás, castañas, landras , millo, carozos dos grelos, farelo, verzas, …Non era
raro que se lle fixera unha mestura de verzas e o que houbera con fariña ou
farelo con auga e cocíase ou quentábase no pote destinado a este fin.
O momento máis importante
era o parto, que era vixiado atentamente para socorrer ós ranchos recentemente
nados se fixera falta e sobre todo para evitar que ao levantarse a nai, os
pisara. As niñadas eran a miúdo numerosas, de oito a catorce era o máis
repetido. Xa que o maior perigo para os recentemente nados era a súa nai,
facíase un pequeno apartado ao lado e abríaselles para mamar. Unha labor que se
facía, por cruel que nos paraza hoxe, era o de cortarlle os colmillos aos
ranchos para evitar que mordesen e danasen á nai ao mamar. Algo que nos parece
hoxe curioso e que cada ranchiño so mamaba dunha teta e sempre da mesma.
Aos poucos días
pinchábanse, chamábanlle “poñerlle o ferro”, imaxino que sería unha vacina.
Medraban moi rápido e eran
tremendamente inquietos, xoguetóns e moi simpáticos o igual que tercos.
Medraban moi rápido e a
iso dos dous meses xa pesaban, groso modo, entre 15 e 20 quilos e ían para a
feira os que non se criaban para a casa, para a matanza, entón capábanse os
machos. A razón pola que se capaban era
o sabor da carne, segundo me explicaron.
Mantíñanse ata uns meses
antes do momento fatal para eles, neste momento comezaba a ceba, que non era
outra cousa máis ca engordalos. Como a mata se facía no inverno, nos meses
anteriores, no outono, a natureza traíanos castañas, landras e anteriormente
patacas, que lle facían gañar peso aos animais.
Matábanse cunha idade
mínima duns oito meses, cunhas canalis duns 100 quilos, aínda que se preferían
máis vellos porque a carne estaba máis feita e non tan tenra. Moitas veces
repoñíanse as nais e sacrificábanse as
vellas, alcanzando pesos considerables. Eu recordo unha que pesaba en canal 265
quilos, enorme.
Algúns anos tíñase que aprazar
a mata porque as porcas andaban ao porco e este momento non se consideraba propicio
porque dicían que podía afectar á conservación da carne.