viernes, 20 de agosto de 2021

A CRÍA

 Voltando ós tempos da miña infancia, e camiñando polos  recordos das costumes do meu entorno detívenme na matanza.

A matanza nas casas, e nunha economía de subsistencia como era aquela, era de vital importancia por ser a principal fonte fornecedora de carne para todo o ano.

Como tal, era un traballo que ocupaba dous ou tres días, pero á hora da verdade levábase preparando o longo de todo o ano.

Poderiamos dicir que comezaba coa crianza dos porcos.

Habitualmente nunha casa sempre había unha ou dúas porcas parideiras para a crianza dos ranchos. Estes tiñan  dúas  saídas: a primeira era a venta e a segunda era a crianza e engorde para a mata.

As porcas estaban en pequenos cortellos con bacías de pedra, que era onde comían e bebían. A alimentación, antes da chegada dos pensos, era a base de produtos de temporada: patacas, mazás, castañas, landras , millo, carozos dos grelos, farelo, verzas, …Non era raro que se lle fixera unha mestura de verzas e o que houbera con fariña ou farelo con auga e cocíase ou quentábase no pote destinado a este fin.

O momento máis importante era o parto, que era vixiado atentamente para socorrer ós ranchos recentemente nados se fixera falta e sobre todo para evitar que ao levantarse a nai, os pisara. As niñadas eran a miúdo numerosas, de oito a catorce era o máis repetido. Xa que o maior perigo para os recentemente nados era a súa nai, facíase un pequeno apartado ao lado e abríaselles para mamar. Unha labor que se facía, por cruel que nos paraza hoxe, era o de cortarlle os colmillos aos ranchos para evitar que mordesen e danasen á nai ao mamar. Algo que nos parece hoxe curioso e que cada ranchiño so mamaba dunha teta e sempre da mesma.

Aos poucos días pinchábanse, chamábanlle “poñerlle o ferro”, imaxino que sería unha vacina.

Medraban moi rápido e eran tremendamente inquietos, xoguetóns e moi simpáticos o igual que tercos.

Medraban moi rápido e a iso dos dous meses xa pesaban, groso modo, entre 15 e 20 quilos e ían para a feira os que non se criaban para a casa, para a matanza, entón capábanse os machos.  A razón pola que se capaban era o sabor da carne, segundo me explicaron.

Mantíñanse ata uns meses antes do momento fatal para eles, neste momento comezaba a ceba, que non era outra cousa máis ca engordalos. Como a mata se facía no inverno, nos meses anteriores, no outono, a natureza traíanos castañas, landras e anteriormente patacas, que lle facían gañar peso aos animais.

Matábanse cunha idade mínima duns oito meses, cunhas canalis duns 100 quilos, aínda que se preferían máis vellos porque a carne estaba máis feita e non tan tenra. Moitas veces repoñíanse as nais e sacrificábanse  as vellas, alcanzando pesos considerables. Eu recordo unha que pesaba en canal 265 quilos, enorme.

Algúns anos tíñase que aprazar a mata porque as porcas andaban ao porco e este momento non se consideraba propicio porque dicían que podía afectar á conservación da carne.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario