sábado, 26 de junio de 2021

O trigo 2

 

O tempo da sementeira viña sendo no mes de decembro cando a terra tiña “sazón”. “O centeo no po e o trigo no barro”

O trigo botábase (sementábase) a man, facíanse carreiras que eran liñas feitas con garabullos de xesta, salgueiro ou do que atopaban por alí cerca; ás veces con palla, que destacaba dabondo. O obxecto das carreiras non era outro que a semente quedara ben distribuída, que non quedaran calvas sen sementar nin cachos que levaran dobre de gran. Logo de nado o trigo na leira, adoitábase pasarlle un angazo pequeno para lle arrincalas herbas competidoras: xaramagos, gramas, … Esta labor, que aparentemente medio arrincaba o trigo, favorecía o afillado deste que consiste en que saían varios talos da mesma planta, e aumentaría considerablemente a produción. Deste xeito ocuparía todo o espazo  e non se volvería ver afectado por outros competidores.

E a esperar ata o momento da seitura.

Dicir que estas labores facíanse nas leiras; no monte non había problemas coas adventicias e o rendemento soia ser menor. No monte botábase centeo na meirande parte.

A seitura é o momento da sega. Segábase á man, a fouciño. Era cousa dos homes  e facíase a feito e por regos. Organizábanse por orde de rapidez porque de non ser así entorpeceríase moito a labor xa que o que fora detrás non podería avanzar. Ás veces parecía unha competición e había que andar lixeiro para que o que viña detrás non te picara co fouciño ó segar. A sega consistía en abrazar uns pes e cortar por baixo. O que se cortaba de cada vez era unha nada e xuntábanse varias e ben colocadas para facilitar o atado.

O atado facíano normalmente as mulleres e os rapaces que aínda non segaban. Collían os brazados que deixaban os segadores, separaban unha nada da palla mais longa para atar, seguidamente rodeaban o brazado con esa palla ao momento de igualaba couce que era parte da palla por onde se cortaba, deixábase no chan e facendo presión có xeonllo facíase un no o suficientemente apertado para que non se desatara nas seguintes manipulacións. A cada atado chamábaselle monllo e quedaban no mesmo sitio ata acabar de segar.

Ao rematar de segar colocábanse os monllos ben colocados en medouchos que eran montón de monllos postos sempre coa espiga cara arriba onde secaban uños días máis, pois o gran e a palla debían estar ben secos para mallar e antes para medar.

A meda era o paso anterior á malla. Consistía en levar o trigo dos medouchos e xuntalo nunha agrupación maior chamada meda. Ao contrario ca nos medouchos , os monllos colocábanse en posición horizontal e sempre coa espiga para dentro, quedando protexido así dunha posible tronada. Eran bastante grandes chegando a medir uns seis ou sete metros de altura e nos que cabía unha gran cantidade de cereal.

A malla era o paso no que se separaba o gran da palla. Facíao a malladeira. Requiría unha gran cantidade de man de obra e colaboraba toda a xente da que dispoñía a aldea. Facíase pola calor do mes de agosto e facíanse quendas por este motivo. En xeral, os homes encargábase da parte do manexo da palla e as mulleres e os nenos do gran. Aparte, fora da malla, había que organizar a comida e cea para toda esta cantidade de xente, era como unha gran festa para as cociñeiras.

O traballo dividíase en varias partes: dun lado necesitábanse dúas ou tres persoas para coller os monllos da meda é pasalos aos que metían a palla na máquina; aquí outros tres que recollían o monllo cortaban o atado e distribuíano para que non entrara a golpes; unha persoa para apartar o pico que é a cascarilla que rodea o gran, un traballo moi desagradable, moito po e agullas das espigas;

a palla, xa sen gran, era recollida e colocada no que será o palleiro; e por último o gran, que era carrexada en sacos ata as huchas, que eran enormes caixóns de madeira onde se gardaba todo o ano.

 

 

sábado, 19 de junio de 2021

O trigo 1

 

Un dos meus primeiros recordos das paisaxes da miña infancia era a alternancia de estivadas e toxeira baixa.

Estamos falando de finais dos ano 60 e principios dos setenta.

As estivadas eran  eidos cultivados de centeo ou trigo fora dos agros, é dicir, no monte.

Nesta época a mecanización do agro era incipiente. Empezábanse a ver os primeiros tractores, case todos da marca Barreiros e algún Ebro super 55, modelos de pouca potencia e estreitos que aínda cabían polas corredoiras feitas para circularen os carros de vacas, cos que compartían vía.  Supoñían un adianto importante con respecto aos carros, grades e arados de tracción animal.

Este era un tempo de transición entre o cultivo manual da postguerra na que se botaba todo o monte de pan, que era o nome co que se coñecía o centeo e o trigo, e a da incipiente mecanización, obrigada, polo progresivo despoboamento das aldeas causado por unha industrialización  crecente que demandaba, cada vez máis, man de obra. Foi cambiar o inxente traballo manual, posible porque as aldeas estaban moi poboadas, polas primeiras máquinas, necesarias porque xa a xente non chegaba para facelo como antes. Recordemos que estábamos superando a postguerra de moita precariedade e fame, na que o principal valor era o grao. Que eran obrigados a dar parte da produción para alimentar tamén á poboación das cidades, e que se creou un mercado negro cheo de perigos , medos, inseguridades, roubos, violencia,… xerados pola necesidade.

Pero vamos abandonar o contexto e centrarnos no cultivo en si.

Tamén chamado pan, aínda que este termo utilizábase maiormente para referirse ao centeo, o trigo adoitábase botar nos agros porque era máis esixente en nutrinte e humidade.

Os agros eran un conxunto de leiras agrupadas nos que habitualmente se rotaban os cultivos, entre outras cousas pola escaseza de aceso ás parcelas, polo que nunha parte grande dos casos tiñas que chegar ó teu eido pasando por riba do veciño. Este eran as posesións, que así lle chamaban aos camiños de servidume.

Os agros eran abonados co esterco que producían os animais nas casas e antes de chegar a estas tiña que ser arrincado da corte e cargado no carro ou remolque do tractor se fora o caso, e era un traballo moi duro. Máis tarde levábase á leira e descargábase en ringleiras en pequenos montonciños.  Este traballo facíase no outono e ás veces, chamábase outonar.

Uns días ou semanas máis tarde, logo dunha breve compostaxe, esparexíase cubrindo a superficie da leira de forma regular.

Posteriormente, arábase a terra enterrando ese esterco e incorporándoo á terra. O arado non será moi profundo para non alonxalo do sistema radicular que é superficial.