Unha das costumes que apenas me chega ao recordo.
O obxectivo da barra era xuntar folla para acomodalas cortes dos animais e sobrepoñela aos ásperos toxos que se colocaban por baixo.
A folla pasaría así a enriquecelo esterco co que se abonaban as futuras colleitas.
Este traballo consistía en amontoala folla dunha carballeira ou souto e deixala disposta para ser recollida cando fose necesario.
A época do ano para esta labor era o inverno, despois de caela folla pero antes de que as temperaturas fixesen agromar a vexetación e molestara o angazado, normalmente no mes de xaneiro aínda que ás veces se podía retrasar a febreiro.
Levaba bastante tempo barrer toda unha carballeira polo que se xuntaba xente para facelo.
O primeiro que se facía era cortalos restos de vexetación que puidera haber; normalmente pouca cousa xa que a sombra pecha das carballeiras non permitía medrar moito aos toxos, silvas ou fentos, que era o que se podía atopar.
A partir deste momento, cada persoa co seu angazo, e de forma organizada, ía barrendo e xuntando a folla en moricas. As moricas eran montóns de base circular que quedaban na carballeira ata que se dispuxera delas, podían estar meses e incluso o ano enteiro.
O resultado era impresionante. Ver unha carballeira completamente limpa sen folla é unha imaxe tan fermosa que dificilmente se esquece.
Contrariamente ó que puidera parecer, non se vía raspado porque a posición do angazo para barrer debe ser case horizontal, evitando que os dentes se cravaran.
Outro detalle que recordo é que ese día comeuse na carballeira, chegaron as mulleres cuns tremendos perolas de porcelana vermella e tamén se fixeran uns chourizos á berza na mesma carballeira e uns torresmos ó espeto, todo moi contundente para un día frío e de traballo duro. Imaxino que sería porque no mes de xaneiro os días son máis pequenos. O ambiente que lembro era fantástico, quizá porque sempre bromeaban cos rapaces pequenos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario